Tradución: Ricardo Pichel Gotérrez
Herba
(Belarra)
saíulle herba ao sofá da casa
cando teño sede bebo orballo
o ceo é dun deserto azul enriba de min
e non preciso xanelas
para ver que os portos van secando
teño diante unha montaña feita de farois
o asfalto por zapato
estática onda negra xustificada polas curvas
hai tempo que debaixo das lousas das beirarrúas
non acho ningún ser vivo
cada vez hai menos pozas no noso pobo
hai tempo que non mollo os pés
saíulle herba ao sofá da casa
de tanto estar tirada nel
dou voltas ao meu redor
coma o feto no útero
ditosos
os que non sabemos exactamente en que mundo vivimos
© Leire Bilbao