Tradución: Ricardo Pichel Gotérrez
Unha noite de outubro de 1977
(1977ko urriko gau bat)
Unha noite de outubro meu pai e miña nai na súa habitación
cando aínda non son
pais meus nin de ninguén.
O home quita o xersei
e déixao na cadeira cal cadáver a quen lle quitaron a cabeza.
A muller mete os seus pantalóns e a camisa no armario:
unha aforcada máis, pendurada da percha.
Ningún dos dous se mira no espello da cómoda.
Mergúllanse entre as sabas
cada un desde un bordo da cama:
os dous lados da fronteira e a alfándega.
A muller afánase en pintar con imaxinación
o anaco de parede tomado pola humidade.
Ten os pés fríos. Acurúxase
no ventre do home, o seu alento é cálido.
Apagadas as luces, as sabas xa non son brancas;
os corpos si parecen máis limpos.
A muller prefire o día.
O home, a noite.
Aquela noite de outubro meu pai e miña nai
canda aínda non son
pais meus nin de ninguén
obrigados ao desexo no leito nupcial
cada un no seu lado
agardando a adormecer.
© Leire Bilbao